25 de Novembro: día contra a violencia de xénero

 Seguro que xa estades ó tanto de que hoxe conmemórase o día contra a violencia de xénero e, como tal, moit@s compañeir@s realizan actividades nos propio centros co seu alumnado. 

Velaiquí unha escolma dalgunha das propostas con esta temática... Qué ben traballan @s nos@s rapazas e rapaces, espero que vos gusten tanto coma a min! 


Nesta interesante presentación de Victoria Santos Bernárdez, alumna de 2º de bacharelato do IES Francisco Aguiar de Betanzos, coñeceremos que tipos de ciberacoso se dan con máis frecuencia, aprenderemos pautas para saber se unha persoa é vítima de violencia de xénero dixital e cando se debe telefonar ao 016. Parabéns polo traballo!

Violencia de xénero dixital


Neste videoclip realizado con pictogramas, o profesorado do CEIP Carballal ensínanos, cantando, a detectar a violencia de xénero.

Violencia 0


A partir das conclusións da IV Conferencia Mundial da Organización de Nacións Unidas, o IES Maximino Romero de Lema de Baio redactou esta declaración de compromisos para fomentar a igualdade e a non discriminación por razón de sexo. No manifesto tamén se expresa a vontade de implementar medidas para lograr que o centro sexa un espazo libre de violencia.

En negro contra as violencias


Entre as actividades que o EDLG do IES do IES do Milladoiro de Ames organizou para loitar contra a violencia machista e conmemorar o 25 de novembro, está o recitado duns versos Dos Días escuros, poemario da docente e escritora Mª Carme Caramés Gorgal que denuncia a situación de maltrato que sofren moitas mulleres.

Literatura contra a violencia


Unha alunma e un alumno de Bacharelato do IES Taboada Chivite traduciron ao galego neste vídeoxornal novas sobre violencia de xénero que aconteceron no que vai de ano no territorio español coa pretensión de visualizar e poñer de manifesto este grave problema que afecta a nosa sociedade.

Compilación de novas sobre a violencia de xénero


Emotiva interpretación en directo do profesorado e alumnado do CEIP da Ramallosa de Teo da coñecida canción "A porta violeta". En galego e tamén en lingua de signos podemos ler e escoitar as palabras coas que Rozalén expresou o sufrimento que experimentan moitas mulleres maltratadas e o desexo de se liberaren da violencia.

25N "A porta violeta" DIRECTO


Os textos de distintas escritoras galegas comprometidas coa defensa dos dereitos da muller e coa loita contra a violencia de xénero inspiraron diversos traballos do alumnado de IES de Ordes. Entre outros, destaca esta canción de Noé, alumno de 3º da ESO, que interpreta a ritmo de rap uns fragmentos da novela Luns de Eli Ríos.

Rap (Luns, de Eli Ríos)


Neste ciclo de relatorios que se realizou en Muros ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia presentáronse diversas experiencias motivadoras de mulleres que traballan no eido cultural e que queren promover o debate sobre o traballo e o éxito da muller neste ámbito e mais os desafíos aos que se enfronta en época de pandemia.  Son vídeos moi axeitados para conmemorar co alumnado o Día contra a Violencia de Xénero posto que contribúen a visualizar os logros das mulleres no camiño do apoderamento e os atrancos que atopan para romper o teito de cristal.

Onde están as mulleres da cultura?

Comentarios